Viaxe escolar de fin de curso – 9ª Clase
Durante a penúltima semana do curso os alumnos e alumnas da 9ª Clase, así como os docentes que os acompañamos, desfrutamos dunha fermosa viaxe por tres das cidades máis relevantes do país veciño.
A nosa esperada viaxe comezou o luns coa visita a Guimarães, lugar de nacemento de Portugal e onde puidemos desfrutar tanto da visita ó seu castelo medieval como dun tranquilo e fermoso paseo polas súas empedradas rúas. Coñecida esta histórica cidade lusa, puxemos camiño á que foi a nosa hospedaxe durante toda a semana e na que puidemos desfrutar dun tempo de ocio e descanso en comunidade.
Coa luz dun novo día, dirixímonos a Porto e comezamos a nosa andaina visitando a súa espectacular catedral, dende cuxa torre puidemos desfrutar dunhas espectaculares vistas da cidade. A continuación, comezamos unha ruta polos puntos máis representativos desta vibrante metrópole portuguesa desfrutando de obras arquitectónicas tan destacadas como a Ponte de Luís I ou a Estación de São Bento, deixando as últimas horas da tarde para desfrutar do coñecidísimo Mercado do Bolhão e da área máis comercial da cidade. A segunda xornada na cidade, pola contra, estivo máis destinada á realización de actividades lúdicas tales como un interesante cruceiro polas sete pontes de Porto, onde aprendemos moito sobre a historia da cidade e a súa intrínseca relación co río Douro, ou como unha experiencia inmersa de realidade virtual na Alfândega, a través da cal coñecemos unha decena de lendas relacionadas coa cidade dun xeito diferente a apaixonante.
Durante a última xornada da viaxe, aproveitamos o camiño de regreso para coñecer outra das cidades máis representativas do norte portugués: Braga. Comezamos a visita por esta fermosa poboación admirando a súa catedral e continuamos percorrendo as súas principais rúas, empapándonos un pouco da súa historia e beleza. Por último, non podiamos deixar pasar a oportunidade de visitar un dos santuarios máis famosos do páis, o Bom Jesus do Monte, onde subirmos os 116 m de escalintas barrocas que levan ata a súa igrexa, aproveitando tamén para pasear polo fermoso parque que a rodea antes de emprender o camiño de volta ata Lugo.