Novos períodos de Matemáticas en 7ª e 8ª clase
Despois duns días de descanso con motivo da Pascua comezamos novos períodos de Matemáticas en 7ª e 8ª Clase. Non obstante, non esquecemos os contidos vistos ata agora e, de feito, aproveitamos a parte rítmica da clase principal para facer unha lembranza activa e máis lúdica dos mesmos; así pois, comezamos todas as clases cuns xogos que nos permiten repasar matemáticas dun xeito máis divertido e entrar ós novos contidos cunha actitude máis activa e relaxada.
Na 7ª Clase estamos empregando as cartas do coñecido xogo UNO para lembrar tanto a comparación como as operacións con números negativos nun xogo que demos en chamar o MENOS UNO. Neste, as cores cálidas representan números positivos e as frías negativos e cada alumno/a multiplica (por filas) as cartas que lle tocaron; despois, escolle o maior valor entre os obtidos, sendo esta cifra coa que compite en cada man e gañando o/a que teña o maior valor da mesa.
Na 8ª Clase estamos empregando as tradicionais cartas da baralla española para lembrar, nun xogo que demos en chamar CREBAFRACCIÓNS, as sumas e restas de fraccións. Este, trátase dun xogo cooperativo no que cada grupo debe realizar, de xeito individual, as accións máis axeitadas para completar, entre todos, as operacións existentes na mesa; para tal fin, cada xogador/a pode colocar unha nova carta, cambiar algunha da mesa ou pasar quenda.