Visita á Casa Grande de Xanceda
A pasada semana os nosos alumnos e alumnas de Secundaria desfrutaron dunha fantástica visita á Casa Grande de Xanceda, unha granxa familiar ecolóxica onde tamén se elaboran diversos produtos lácteos. Deste xeito, puideron coñecer de primeira man todos os procesos e traballos que han de levarse a cabo para a produción dun cartón de leite ou dun iogur, comezando polo coidado e manutención das 300 vacas que habitan esta granxa, continuando polas instalacións de control e muxido das mesmas e finalizando coa planta de procesamento dos lácteos, onde puideron contemplan tanto o proceso de elaboración e envasado como as áreas de ensaio e control de calidade de diversos produtos finais.
Ademais desta esclarecedora visión deste tecido produtivo, o noso alumnado tamén puido gozar dunha conexión máis directa e enriquecedora coa natureza a través da visita ó ecozoo que rexentan, onde tiveron a oportunidade tanto de observar como de alimentar a diversos tipos de animais de granxa: xatas, galiñas, coellos, porcos, ovellas, cabras, etc. Por último, unha deliciosa merenda a base de diversos produtos elaborados na granxa puxo a guinda ó pastel dunha fantástica mañá!